martes, 4 de febrero de 2014

Estratexias de regulación de conflitos, mediación e negociación para o/a docente

Este foi o título do curso que impartiu no noso centro a educadora social Ana González Quinteiro durante catro tardes do outono de 2013.


Os obxectivos foron:


  • Coñecer as claves necesarias para crear un marco de comunicación positiva no contexto do aula dentro dun centro escolar.

  • Ser quen de identificar as causas desencadenantes dos conflitos e o seu desenvolvemento así como as bases para o proceso de mediación.


  • Aportar suxestións sobre as estratexias que todolos axentes deben ter así como adquirir actitudes profesionais positivas no exercicio diario da docencia para propiciar unha convivencia pacífica no micromundo da aula.


    Para que un grupo funcione ben:

    1. O líder debe ser exemplo de comunicación hábil: concretando os feitos (dirixindo a mensaxe aos feitos e non á persoa que os fixo), expresando adecuadamente os sentimentos negativos, ser quen de indicar en que dirección han ir os cambios, ir ao gran, demostrar ao outro que entendemos as súas razóns e sen eludir a expresión de sentimentos positivos. Cómpre ser conscientes de que comunicamos permanentemente e de que a comunicación verbal e a non verbal han de ser coherentes.

    2. Debemos facer grupo cos nosos alumnos, que nos unan metas e obxectivos comúns, buscar intereses de todos porque van promover mellor o sentido de pertenza. Ter en conta que os castigos colectivos tamén poden facer grupo.

    3. Importa cómo nos ven, a impresión que damos, lembrar que sempre estamos comunicando.

    4. Manexo satisfactorio das habilidades sociais (HHSS), o conxunto de capacidades que permiten ás persoas mater unhas relacións sociais adecuadas:



    Empatía: ser quen de ver o conflito desde o outro, cos seus ollos e sen xulgar. Non é dar a razón, nin calar, senón ser quen de ser coherentes e cordiais.
    Tomar decisións seguindo unha orde: 1. identificar o problema, 2. buscar o maior número de solucións, 3. analizalas, 4. escoller a que teña máis vantaxes e menos inconvenientes e 5. levalo a cabo, facelo. Tomar decisións de forma rápida e eficaz precisa de habilidades como a negociación e saber pór límites
    Autocontrol emocional: implica pensar, sentir e actuar nesa orde pois cando perdemos os papeis algún alumnado se divirte e proxectamos unha pésima imaxe.
    Autoestima: xulgarnos co mesmo criterio que xulgamos aos demais e ter en conta que o comportamento das persoas depende dos outros.
    Asertividade: capacidade para manifestar a nosa opinión ao tempo que aceptamos e comprendemos ese mesmo dereito nos demais. Permite expresarse sen hostilidade mesmo cando amosamos oposición á conduta do interlocutor; trata de non ferir sentimentos e invitar ao cambio.
    Autoridade: exercela sen renunciar á negociación, que é o camiño polo que ambas partes gañan. Mais cando teñamos que dicir non, cómpre que ofrezamos alternativas e razoamentos.
    Escoita activa: implica estar psicolóxicamente dispoñible e atento ás mensaxes do outro porque a persoa que se sente escoitada pode relaxarse mellor e controlar as emocións negativas adecuadamente; contribúe a neutralizar os conflitos e mellora o clima de traballo. Implica ser quen de repetir o que o outro dixo de forma resumida e se facilita con preguntas abertas.

    Algunhas estratexias: sorrir sempre, darlles algunha responsabilidade aos máis disruptivos, saber que escoitar algo positivo axuda a mellorar, traballar a partir de centros de interese do noso alumnado; realizar actividades colectivas que impliquen a todos/as, xogos grupais, teatro, traballos con música, crear radio no centro; obradoiros de práctica de roles co alumnado, etc.

    Dinámicas que se levaron a cabo durante o curso:

    1. Debuxo
    Mediante esta actividade, reflexionamos sobre os diferentes roles nun grupo. Tamén se fixo patente a importancia do estilo comunicativo dun líder. Como docentes, precisamos ser máis conscientes da necesidade de empregar un código comunicativo claro, conciso e sen interferencias. Se un código non funciona, teremos que buscar outro, non continuar insistindo no mesmo.

    2. Observación silenciosa dun  compañeiros e posterior posta en común
    A través desta actividade, fíxosenos patente que comunicamos en todo momento aos nosos alumnos, aínda que non nos decatemos. O aspecto físico, a vestimenta, a postura, os xestos… todos eles conforman unha imaxe que transmitimos continuadamente.

    3. Xogo de roles coas sete habilidades básicas
    Con este xogo percatámonos da importancia das sete habilidades básicas para ser un bo líder de grupo.

    4. O corro dos zapatos
    Por medio desta actividade, fomos conscientes da necesidade dun grupo ben cohesionado para conseguir unha meta común e de como a coordinación e cooperación dos seus membros facilita moito ese labor.

    5. Visionado de diferentes reportaxes e documentais
    Mediante a visualización dos vídeos, achegámonos a unha maior comprensión sobre as actitudes que mostra o  noso alumnado. Recollemos moita forza para motivar e motivarnos no noso labor diario cos rapaces: AdivinoIron Man, pai e fillo e El circo de las mariposas.


    Feito por Ester Casales, Helena Fernández e Araceli González

No hay comentarios:

Publicar un comentario